h1

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou este martes o protocolo de colaboración entre a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (SOGAMIUC), que estivo representada polo seu presidente, Pedro Rascado Sedes.

O obxectivo do convenio entre ADOS e SOGAMIUC pasa polo fomento de iniciativas dirixidas á consecución de doazóns que permitan aumentar a posibilidade de transplante para os doentes. Así mesmo, mediante este acordo fomentaranse iniciativas conxuntas destinadas a aumentar o coñecemento sobre os labores de doazón e transplante no ámbito do sistema público de saúde de Galicia e permitir unha maior implicación dos profesionais dos servizos de medicina intensiva e unidades coronarias da nosa comunidade autónoma.