ADOS AGRADECE A COLABORACIÓN SOLIDARIA DO LEYMA BÁSQUET CORUÑA A PROL DA DE DOAZÓN DE SANGUE

O clube coruñés agasallou con 600 entradas, para asistir onte ao partido da LEB Oro que enfrontou a este equipo co Albacete Basket, as persoas que doaron sangue a pasada semana nas unidades móbiles ubicadas na área sanitaria de A Coruña e ata o local de doazón do CHUAC
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023.- A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere recoñecer, un ano máis, o compromiso co solidario xesto da doazón de sangue ao Leyma Básquet Coruña, unha entidade deportiva que xa é un referente no desenvolvemento de iniciativas no eido da solidariedade. 

A entidade deportiva, co obxectivo de promover a participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue, ao longo da pasada agasallou aos doantes da área sanitaria de A Coruña que acudiron a doar, tanto ás unidades móbiles como ao local de doazón da Axencia nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), con dúas entradas para asistir ao encontro de LEB Oro que disputou o equipo coruñés contra o Albacete Basket. O Leyma Básquet Coruña distribuíu 600 entradas para as persoas doantes de sangue, que puideron presencia onte este encontro que concluíu cun contundente resultado de 92 a 75, a favor do equipo coruñés que ratifica, unha vez máis, a excelente campaña que está a realizar na tempada 2022-2023 na categoría de prata do baloncesto nacional. 

Agasallo solidario

O Leyma Básquet Coruña ten, desde sempre, amosado unha valiosa colaboración no recoñecemento da solidaria contribución de moitos cidadáns que todos os días acuden a doar sangue, para posibilitar a obtención das doazóns precisas para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. 

ADOS quere salientar a importancia deste tipo de iniciativas, que aunan valores solidarios co deporte e na que os equipos de diversas disciplinas e categorías de Galicia xa desenvolven desde hai anos, sendo o Leyma Básquet Coruña un dos clubes pioneiros no impulso de campañas de sensibilización a prol da doazón de sangue. 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desexa amosar o seu agradecemento ao constante apoio do Leyma Básquet Coruña a prol da creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue no seo da sociedade galega.

Así mesmo, desde a Axencia desexarlle ao clube coruñés a consecución dos mellores resultados deportivos na presente tempada da LEB Oro e que xa os ten levado a ser un dos máis destacados equipos da categoría, ostentando neste momento unha terceira posición na clasificación, e a falta de tres partidos para a conclusión da fase regular, situandose en postos de play off de ascenso á Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto nacional.

Comparte vida, únete a nós.