A CRTVG colabora con ADOS a través da campaña #Todosnecesitamosdetodos para promocionar a doazón de sangue na campaña de Nadal.

Nesta derradeira #AcciónG do ano, os medios públicos colaboran coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS)
A Corporación Radio e Televisión de Galicia colabora con ADOS para promover a doazón de sangue no Nadal

Santiago, 16.12.2021.-  A CRTVG lanza, en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa.
           
O Nadal é unha das épocas críticas do ano para os servizos de transfusión e, no marco da súa RSC, a CRTVG quere contribuír a sensibilizar sobre a necesidade de que os hospitais galegos teñen para cubrir esta demanda. #Todosnecesitamosdetodos incide na idea de que o elemento común e imprescindible para a vida é o sangue e todos dependemos da xenerosidade de todos para seguir salvando vidas. O spot fala dos motivos para facelo: “Faino polos teus, faino polos demais, faino tamén por ti... pero faino. Sube ao bus”. As persoas que aparecen no anuncio son doadores habituais de sangue e voluntarios de ADOS.
           
Durante todo o Nadal, como durante todo o ano, o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia percorrerá as vilas das catro provincias e esta #AcciónG quere reforzar a mensaxe de petición da colaboración cidadá, animando a dar o paso de entrar nos autobuses e doar sangue. A campaña #TodosNecesitamosDeTodos será emitida desde este xoves en todos os medios da Corporación, televisión, radio e canles dixitais.

Comparte vida, únete a nós.